IES María Sarmiento. Viviero- Lugo

domingo, 23 de octubre de 2011

GRECIA - A HÉLADE

A civilización grega orixinouse na Península dos Balcans e nas costas e illas do mar Exeo. Logo, entre o século VIII e VI a.C., colonizarían outras terras en torno do Mediterráneo: en Asia Menor, ó redor do Mar Negro, no sur da Península Itálica e Sicilia -a Magna Grecia- e no surleste de Francia e España.
As colonias construíronse seguindo o modelo das súas cidades de orixe (metrópole)



Agora vemos o video da chegada dos gregos a Iberia




O medio físico, montañoso e con estreitos vales de difícil comunicación, propiciou a fragmentación política. De feito nunca existiu un Estado grego, como en Exipto, senon que existían cidades-Estado independentes, denominadas polis. Isto dicía Aristóteles:
O territorio dunha polis debe poder ser abranguido cun só golpe de vista, xa que deste xeito é doado de defender.
Tamén cómpre que a súa localización teña unha situación favorable, próima ao mar e ao campo, por razóns de seguridade e de aprovisionamento de produtos de primeira necesidade, É preciso, demais, que a cidade se poida comunicar doadamente co conxunto do territorio da polis.
Aristóteles, s. IV a.C.
Cada polis viña definida por unha extensión de terreo non moi ampla que comprendía a cidade, aldeas e granxas, terras de labradío e zona de pastos e bosques. Cada unha contaba coa súa moeda, as súas leis, o seu exército e o seu goberno.



Pese a esta fragmentación, os gregos setíanse membros dunha comunidade, a Hélade, que tiña en común a lingua - o grego no que se escribiron a Ilíada e a Odisea- e a relixión -politeista-, con deuses moi humanizados que habitaban no Olimpo, sendo Zeus o pai de todos eles.

- ETAPAS DA GRECIA ANTIGA

Aprendemos algo sobre as guerras médicas e sobre a batalla das Termópilas


-SISTEMAS POLÍTICOS DAS POLIS

a) Nun primeiro momento nas polis rexían gobernos aristocráticos, un grupo minoritario de grandes propietarios agrícolas formaban o Consello que tomaba todas as decisións. A este modelo político denomínaselle oligarquía.
Esparta mantivo sempre este sistema no que todos os homes libres participaban na Asemblea, pero as decisións eran tomadas no Consello (Xerusía)


Os espartanos estaban fundamentalmente dedicados á guerra, mentres que os escravos e os pobos conquistados facían os traballos agrícolas.
Vexamos algunhas peculiaridades do réxime espartano e das súas comidas.


b) Atenas evolucionou desde o réxime aristocrático a un réxime democrático (goberno do pobo). Ao longo do século VI a.C. os lexisladores anularon a escravitude por débedas e introduciron o dereito de todos os cidadánas a participaren no goberno da cidade e a estaren protexidos pola lei.

Pero o modelo non era perfecto, tiña limitacións xa que realmente había moitas persoas excluídas
- os non cidadáns (metecos), non nados de pai e nai ateniense
Fariamos ben en nos interesar polos metecos, pois temos neles unha das nosas mellores fontes de ingresos, aliméntanse a si mesmos e pagan un imposto de residencia. Xenofonte
- os escravos.
O escravo é un instrumento vivo. Son seres inferiores e o emprego da súa forza física é a mellor cousa que podemos tomar deles. Son escravos de seu. A escravitude é xusta. Aristóteles
- as mulleres. Escribiu Aritóteles
Os deuses adaptaron a natureza da muller aos traballos e coidados domésticos. Ti, que es unha muller, deberás permanecer no fogar e coidar dos teus fillos

O período de esplendor de Atenas corresponde ao século V a.C., baixo o goberno de Pericles. Tras da victoria sobre os persas na batalla de Salamina, Atenas ocupou un posto dominante respecto das demais polis, vivindo un periodo de prosperidade económica, consolidación da democracia e florecemento da arte e da cultura. O dominio ateniense remata coas Guerras do Peloponeso, cando Esparta e unha coalición de cidades se enfrontou á Liga de Delos dirixida por Atenas.

- A RELIXIÓN

A relixión, moi presente na vida cotiá dos gregos, era politeísta e antropomorfa (os deuses estaban moi humanizados). Para explicar a súa orixe e as súas relacións, a creación do mundo, as práctics do culto crearon mitos explicativos (mitoloxía). Vexamos o mito de Prometeo e o de Pandora
O deus principal era Zeus quen xunto cos demais habitaba no cumio do monte Olimpo



Por debaixo destes deuses olímpicos estaban deuses menores e os heroes, nacidos dun deus ou unha deusa e un mortal, por exemplo Heracles ou Aquiles.
Rendíanlles culto por medio de ofrendas, sacrificios rituais, festas comoa as das Panateneas e xogos como os celebrados en Olimpia na honra de Zeus.

- A GRECIA HELENÍSTICA
Aproveitando o declive das polis por mor das Guerras do Peloponeso, o rei Filipo II de Macedonia lanzouse contra elas no 338 a.C. cun potente exército rematando por conseguir o dominio sobre toda Grecia. O seu fillo Alexandre, alcumado Magno, ampliará o imperio derrotando aos persas e chegando ata a India.
A base das súas conquistas foi un exército disciplindo organizado en falanxes


A falanxe macedonia era unha formación militar de 16 fileiras de soldados a pé, equipados con longas lanzas -as sarissas, 6 m de lonxitude- e escudos que protexían o flanco esquerdo do soldado e o flanco dereito do compañeiro. A lonxitude da lanza permitía traspasar aos enimigos a distancia


O sono De Alexandre era crear un único imperio que abranguese de Europa a Asia e se fundamentase na lingua e na cultura grega, aínda que cada territorio mantívese a súa estrutura social e política.
Pero a morte, ós 33 anos, puxo fin ao seu sono. Os seus xenerais repartiron entre eles o imperio, os chamados reinos helenísticos.



-LEGADO CULTURAL E ARTÍSTICO
O seu desexo de coñecemento (filosofía) sentou as bases do saber científico en campos diversos (Arquímedes, Sócrates, Euclides,...) e da literatura e a arte.
Para coñecer un pouco da arte grega